ACTIVIDADES SETEMBRO 2015

Compartir

|
Conferencias,
Presentacións libros
Presentación do libro
A segunda quincena do mes de setembro as actividades do Museo Etnolóxico moveranse entre historias e memorias: as de Lola Touza "salvadora" de xudeos e as das mulleres da "Sección Femenina", historias que forman parte da memoria de Galicia.

18 de setembro: 20.30 h.

Presentación polo autor da novela Lola Touza. La Schindler gallega,  editada por ToxoSoutos.
Vicente Piñeiro González, autor da novela, ten publicados libros de teatro, poesía e novela tanto en galego como en castelán; entre outros premios gañou o Pedrón de Ouro en 2005 e o VII Premio El Espectáculo Teatral de Ediciones Irreverentes en 2013.
Nesta novela, como di o editor “pon a súa escritura e as pasións de papel” para relatar a historia de Lola Touza, que rexentaba un quiosco na estación de Ribadavia e entre 1941 e 1945 decidiu axudar a fuxir a máis de 500 xudeos dunha morte segura a mans dos nazis. Lola  e as súas irmás, Amparo e Julia, colaboraron cunha das redes clandestinas de fuxida de xudeos máis importante de Europa, que empezaba nos Pirineos por Girona, facía escala en Medina del Campo e chegaba ata Ribadavia, onde as irmás Touza arriscaban as súas vidas para atendelos e facilitarlles o paso a Portugal coa axuda doutros veciños da comarca: o taxista José Rocha, o barqueiro Ramón Estévez e o intérprete Ricardo Pérez, coñecido como “El Evangelista”. 
 Entrevista a Vicente Piñeiro sobre a súa novela no programa A tarde da Radio Galega 21-08-2015 AQUÍ 
 
25 de setembro: 20.30 h.
Conferencia Mulleres para España. A «Sección Femenina» de Falanxe impartida pola historiadora Ana Cebreiros.
Ana Cebreiros Iglesias é Licenciada en Historia pola Universidade de Vigo, a súa investigación céntrase no papel desempeñado pola «Sección Femenina» en Galicia e as súas repercusións no ámbito da muller.
En 1939 Franco cédelle á «Sección Femenina» a formación política e social das españolas e convértese en parte do aparato político-administrativo do réxime. A organización xoga un papel importante nas políticas desenvolvidas desde eses intres en relación coa muller, sendo variados os seus ámbitos de actuación. O «Servicio Social», o ámbito educativo, as divulgadoras sociais, as cátedras ambulantes, o deporte e o baile, etc foron algunhas das parcelas ás que se dedicaron. Todas estas actuacións estiveron asociadas á defensa dun modelo feminino que tiña como base os seus deberes de nai e esposa así como o coidado do fogar, e que estaba intimamente ligado ao papel que o franquismo lle outorgou á muller dentro da sociedade española da época.
 
Folleto das actividades: