A conservación do fondo documental Abrente

Compartir
Del
13 de Julio do 2022
al
5 de Mayo do 2023

 

 

 

 

Comisaria: Cristina Díaz Sanjurjo

Conservación: María José Ruíz Vázquez; Cristina Díaz Sanjurjo

Deseño e maquetación: Xosé Salgado/ Lía Santana

Impresión e montaxe: Rotulación Miguélez

 

 

A conservación do fondo documental ABRENTE

En 1969 constitúese como asociación en Ribadavia a Agrupación Cultural Abrente. Nun momento de cambio e toma de conciencia, a intensa actividade social e cultural desenvolvida pola asociación supuxo un revulsivo na sociedade da vila. Cun programa cultural sempre vencellado e comprometido coa identidade e a lingua galega, buscou mediante a súas actividades achegar e implicar á poboación coa arte e coa cultura.

Ao longo dos seus 14 anos de vida, Abrente realizou numerosas exposicións sobre arte galega, conferencias, recitais de poesía, cineclube, actividades para a rapazada e concertos, así como concursos de obras teatrais e oito mostras de teatro en galego.

Abrente contribuíu enormemente á democratización da sociedade ribadaviense. Interxenaracional e unificadora de clases sociais, e sen ser dirixida por unha ideoloxía concreta, supuxo unha experiencia cultural innovadora. O seu legado chega ata os nosos días con actividades como a actual Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, herdeira da Mostra de Teatro en Galego iniciada por eles en 1973.

Trala disolución da asociación en 1983, o arquivo, os fondos artísticos e diversos obxectos foron depositados no Museo de Artes e Costumes Populares, precedente do actual Museo Etnolóxico.

No ano 2019, coincidindo co 50 aniversario da constitución de Abrente, o Museo Etnolóxico realizou unha mostra da colección de arte, e agora remátase a intervención de conservación sobre o fondo documental.

Ao proceso natural de envellecemento do papel, como de calquera material orgánico, sumáronse dous tipos de causas moi concretas que actuaron en combinación, como as relacionadas coa contorna do almacenamento e co uso e a manipulación que sufriu o arquivo na súa traxectoria vital. Nel fixeron mella elemntos como a humidade, a temperatura e a luz; pero a deterioración máis evidente produciuse polo uso e manipulación. Este fondo sempre foi un instrumento de traballo da asociación Abrente, o seu arquivo de oficina e logo, asiduamente consultado por persoal investigador.

Así, os documentos estiveron sometidos ao contacto sistemático e directo coas mans, sen protección directa, sufrindo danos e manchas; foron pregados, dobrados e unidos mediante grampas metálicas que deixaron marcas indelebles e finalmente arquivados en caixas de cartón estándar non recomendadas para a conversación a longo prazo.

Esta exposición recolle e amosa o traballo detrás desa intervención de conservación, divulgando o importante papel que este tipo de traballos cumpren no museo, permitindo que a consulta dos fondos sexan o máis respectuosa posible cos bens.