Traballando para un museo máis social

Compartir
16 de Diciembre do 2022
Museo máis social

O pasado mércores o persoal do Museo Etnolóxico puido asistir á presentación dos traballos que o alumnado de primeiro das asignaturas de antropoloxía e psicoloxía, vinculadas ao Grao en Traballo Social impartido no campus de Ourense da Universidade de Vigo, fixeron na Facultade de Educación e Traballo Social.

As mostras audiovisuais foron o resultado do traballo e reflexión que durante este cuadrimestre fixeron (acompañados e acompañadas polas profesoras e o persoal do museo) sobre o Museo Etnolóxico atendendo a cuestións de xénero, así como de accesibilidade.

Un traballo no que exposicións, catálogos, organigramas e informacións aportadas polo museo, foron postas a exame por aquelas persoas que agora se achegan ao mundo do traballo social e que no seu futuro laboral poden ver a institución museística como un elemento clave na cohesión social.

Durante as tres sesións de contacto entre alumnado e persoal do museo, ambos grupos puideron aprender sobre especifidades e necesidades das diferentes profesións; quedando de manifesto a importancia de colaborar e traballar dende a interdisciplinariedade cando se persegue unha inclusividade real.

Sen dúbida unha actividade de proveito que xerou conversas e reflexión; que axudan ao museo na súa misión de ser un lugar que une a memoria de todos e todas e as futuras xeracións de traballadores e traballadoras sociais a apoiarse nos museos como axentes sociais.