Marxes Fílmicas 2020: cine clásico para pintar un sorriso na cara

Compartir

|
Cinema
Marxes Fílmicas
A novena edición do ciclo de cinema: Marxes Fílmicas, coincide co 50 aniversario do  Cineclube Padre Feijoo  grazas á xente, que a partes iguais de profesionalidade e voluntarismo forman parte deste cineclube, e coa súa suxestión iniciamos en 2012 este ciclo; neste 2020 e dentro dunha realidade especial continúa no Patio do Museo Etnolóxico. O obxectivo da selección de filmes de cine clásico escollidos pola xente do Cineclube Padre Feijoo para esta edición especial é PINTARNOS UN SORRISO NA CARA.

Esta cita co cine clásico será na primeira quincena de xullo: luns 6, mércores 8, luns 13 e mércores 15  ás 22.00 h no patio do Museo Etnolóxico, até completar aforo, de balde e en versión orixinal, coas medidas de hixiene e seguridade decretadas polas autoridades ante a pandemia da Covid-19.

 

 Luns 6 de xullo, 22.00 h.  
Whisky Galore = Whisky a fartar (Reino Unido, 1949) 82 min.
Dirixida por Alexander Mackendrick.
 
Durante a II Guerra Mundial (1939-1945), un barco cargado de whisky naufraga fronte a illa escocesa de Eriskay. Os insulares, que xa levaban un tempo sen catar nin pinga de alcohol -unha traxedia local-, empezan a darlle ao maxín  para burlar as autoridades e apoderarse do cargamento. Unha historia baseada en feitos reais -tan lonxe, tan preto- cargada do máis sutil humor inglés
 
Premios
1949: Premios  BAFTA: Nomeada ao mellor filme británico
 
"Unha viaxe nostálxica de primeiro nivel" 
(Marc Le,  Telegraph)
 
 
 
Mércores 8 de xullo, 22.00 h.
The Odd Couple = A estraña parella ( EUA, 1968) 105  min.
Dirixida por Gene  Saks.
 
Dous divorciados deciden compartir un apartamento en Nova York malia os seus caracteres e estilos de vida, que son absolutamente incompatibles. A obsesión pola limpeza e a orde do  meticuloso Felix resulta desesperante para Óscar, un tipo que é quen de pór o apartamento patas arriba á velocidade do raio. Jack Lemmon e Walter Matthau conforman unha das mellores parellas da comedia.
 
Premios
1968: 2 nomeamentos ao Óscar: Mellor guión adaptado, montaxe
1968: Globos de Ouro: 3 nomeamentos, incluíndo mellor película comedia/musical
1968: Sindicato de Directores ( DGA): Nomeada a Mellor director
1968: Sindicato de Guionistas ( WGA): Mellor guión comedia
 
"O mellor é a extraordinaria precisión do traballo en conxunto de ambos actores, unha das mellores parellas de comediantes que tivo o cinema." 
(Leonardo D’ Espósito, Revista Noticias)
 
 
Luns 13 de xullo, 22.00 h.
I soliti ignoti = Rufufú  (Italia,  1958) 100  min.
Dirixida por Mario Monicelli.
 
Un grupo de ladróns de pouca monta, aconsellados por un vetrerano dese nobre oficio, prepara un gran roubo nas oficinas romanas do Monte de Pietà -institució vinculada historicamente ás esmolas dos pobres-, coa esperanza de saír da miseria en que viven. O xurado do Festival de San Sebastián recoñeceu en 1958 a Monicelli como mellor directorex-aequo (con Hitchcock, por Vértigo).
 
Premios
1958: Óscar: Nomeada a Mellor película de fala non inglesa
 
"Quizá sexa unha parodia de ' Rififi', pero o seu lado cómico está baseado en algo moito máis universal e elemental. Isto é, o humor da torpeza máis auténtica".
( Bosley  Crowther,  The New York Times).
 
Mércores 15 de xullo, 22.00 h.
Duck  Soup = Sopa de  ganso (EUA, 1933) 70  min.
Dirixida por Leo McCarey
 
Unha das desputas máis divertidas da historia do cine: a que enfronta a República Democrática de Freedonia, un pequeno país centroeuropeo, a cuxa fronte está "o moi liberal señor  Rufus T.  Firefly", e Sylvania, un país ditatorial cunha ben merecida fama de mal veciño. Descubriremos a rivalidade territorial a través de Chicolini e  Pinky, os espías de Sylvania, ou... ou se cadra non.
 
Duck Soup fará rir practicamente a todo o mundo. É humorística ao típico estilo dos irmáns Marx, un estilo que resulta ser popular. O filme debería atraer e agradar en todas partes." 
(Joe  Bigelow,  Variety) .

Para consultar o folleto premer AQUÍ