En xullo festexamos...

Compartir

1 de Julio do 2020
|
Tradicións

Neste mes de xullo de 2020, enmarcado nunha realidade diferente, pola pandemia da Covid-19, motivo polo que non podemos celebrar as festas populares como grandes eventos sociais, máis que nunca Pilar Vilaboi Freire lémbranos algunhas destas festas do mes de xullo, para que non esquezamos as nosas tradicións: a rapa das bestas, o san Cristovo, o Santiago, a santa Ana, a santa Marta, a santa Mariña... acompañadas das historias de vida. Tradicionalmente xullo é o mes da sega e como todos os meses ten asociados refráns, ditos, cantigas... relacionados cos ciclos da natureza.

En xullo festexamos...

Pilar Vilaboi Freire

O sétimo mes do ano é o de xullo. O seu nome alude ao emperador romano Xulio César. En Galicia tamén se chama mes de Santiago, por celebrarse nese mes o día de Santiago Apóstolo; mes da sega, por ser cando se realizaba este labor; e o mes de santa Mariña, por ser tamén das festas máis celebradas. Existe unha herba de Santiago definida por Marcial Valladares no seu Diccionario gallego-castellano como planta vivaz pertencente ás senecióideas (Senecio jacobaea), de flor amarela, que medra nos prados e terreos húmidos e florece de maio a agosto. Ten olor aromático lixeiro e as súas follas aceleran a expectoración na tose e na asma. Na froita, temos unha variedade temperá chamada mazá do Santiago e a pera santiaguesa.

A santa Mariña ten lugar o 18 de xullo. É titular de 97 parroquias e patroa dos concellos das Neves, Cambados, Xinzo de Limia e Teo. O étimo do nome vén do latín Marina, que pode proceder do adxectivo latino Marina ‘mariño, que vive do mar’ ou ser derivado de Marius. Na Idade Media era un nome feminino moi frecuente. Hai unha lenda medieval galega recollida no século XV no Nobiliario do conde de Barcelos que narra que os nobres galegos de apelido Mariño eran fillos de Mariña, unha serea que o conde don Froilán capturou na beira do mar e, engaiolado da súa beleza, tomouna por esposa. Púxolle Mariña de nome porque proviña do mar e tiveron un fillo, pero non podía aloumiñalo pois a serea era muda. A noite de san Xoán, no medio da xolda popular, o conde quitoulle á nai o neno dos brazos e fixo amago de tiralo no lume; arrepiada, a nai berrou con espanto: “Fillo!”, expulsando pola boca un anaco de carne, e desde aquela falou. Outra interpretación máis racionalista da fábula fala dunha muller garrida que o conde Froilán salvara dun naufraxio e que durante un tempo estivera sen voz por mor do accidente. Este é o motivo polo que a familia dos Mariños galegos teñen no seu escudo unha serea sobre tres ondas. Santa Mariña de Augas Santas no concello de Allariz é avogosa dos oídos, a de Obre tense por patroa de tendeiros e zapateiros, e a de Covelas (Riós), da treboada.

En toda Galicia santa Mariña é protectora da feitura do pan. Temos refráns como Esfregallos de Mariña, máis luxan que limpan, dito de alguén que deixa mal lavadas as cousas que frega; e En santa Mariña colle o sacho e deixa a fouciña; ou cantigas como Santa Mariña vai nela. / Se se vai santa Mariña, / eu tamén me von con ela.

...

Rematamos cuns versos de Xosé María Díaz Castro titulado Xulio:

Polos día do Carmio a festa chega ao río.
Polos días do Carmio a festa chega ao río.
Unha música ardente vén no aire coma un río
de recordos.
Foguetes lonxanos cán no río
Este é o Porto Muiño, todo en lapas, o río[...]

Agradecemento especial a Santiago Garrido @santiagogrial por difundir e facilitar a foto da portada de Arturo Torres.