A Xunta difunde a lendaria figura de San Cipriano co catálogo da mostra

Compartir
28 de Marzo do 2022

A Xunta fai perdurar a mostra "San Cipriano o Mago. De oracións, ciprianillos e tesouros" coa publicación do catálogo que recolle as máis de 150 pezas expostas no Museo Etnolóxico de Ribadavia ao longo de 2021. O volume presentado polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, ofrece un percorrido polas tradicións vencelladas á figura de San Cipriano da man do antropólogo Félix Castro Vicente, comisario da exposición e autor do libro, quen participou tamén na presentación xunto ao director do museo, José César Llana.

Segundo sinalou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, con esta publicación quérese contribuír á difusión “dun personaxe complexo, considerado santo polas igrexas orientais e circunscrito ao ámbito das tradicións populares na Igrexa católica”. Trátase dun “home lendario que deu lugar a crenzas arraigadas tanto na cultura galega coma en diferentes partes do mundo”, sinalou.

O secretario xeral destacou o amplo conxunto de libros, gravados, oracións e outros obxectos recollidos no volume como parte da exposición de 2021. Inclúense imaxes e información de máis de 50 pezas relixiosas vencelladas a San Cipriano procedentes de diferentes países, de máis de 60 libros de maxia sobre esta figura, con primeiras edicións das publicacións máis coñecidas e buscadas, así como de material vencellado coa procura de tesouros ocultos, entre outros contidos.

Na súa intervención, Anxo M. Lorenzo destacou a calidade da publicación e agradeceulle a Félix Castro Vicente a xenerosidade por compartir o seu coñecemento e a súa colección arredor de San Cipriano, froito dun labor de investigación de máis de vinte anos e que continúa aberta.

Achegamento á figura e ás tradicións.

Estruturado en catro partes, o catálogo afonda ao longo de 168 páxinas na figura de San Cipriano desde diferentes perspectivas e nas tradicións arredor del. Comeza coa faceta de santo, con datos sobre a súa historia e lenda, a iconografía e lugares relacionados co seu culto. A segunda parte dedícase á faceta de mago, cunha compilación internacional de libros máxicos atribuídos a Cipriano. O Ciprianillo e a busca de tesouros protagonizan a terceira parte, cunha achega ás tradicións galegas arredor da existencia de tesouros e aos procedementos para localizalos. A figura de San Cipriano no mundo pecha o percorrido, completado con fotografías da mostra e reproducións de diversos textos como anexos.