|
Conferencias,
Presentacións libros
As actividades do mes de novembro de 2015 no Museo Etnolóxico xirarán ao redor dunha conferencia sobre a historia social de Galicia no século XIX partindo do estudo dunha familia ribadaviense: os Chao e a presentación dun libro cunha crónica musical dunha das bandas de música máis antigas de Galicia "La Lira".
13 de novembro : 20.30 h.
Conferencia: "A estirpe dos Chao, familia ribadaviense: política, cultura, sociedade e identidade no século XIX galego"
Conferencia a cargo de Xurxo Martínez González, doutor pola Universidade de Vigo en Filoloxía Galega. Especialista no século XIX de Galicia, particularmente no Rexurdimento coa cidade de Vigo como marco (residencia da familia Chao), tamén ten traballado sobre a historia do nacionalismo galego.
Xurxo Martínez ten salientado a intensa e pural actividade dos membros da familia Chao no eido profesional, social, cultural e politico e, feito a destacar, os seus estreitos vínculos con Rosalía de Castro.
Na súa conferencia no Museo será presentado por Gonzalo Navaza, profesor titular da Universidade de Vigo, escritor e investigador especialista destacado en temas de toponimia, e recentemente ten investigado sobre as figuras do primeiro liberalismo galego.
20 de novembro: 20.30 h.
Presentación do libro de José Ramón Estévez Pérez: "La Lira: la Banda de Música de Ribadavia, 1840-2015" editado por Armonia Universal. No libro o autor percorreu diferentes arquivos para presentar neste traballo de investigación unha completa historia de “La Lira”, a prestixiosa banda de música da capital do Ribeiro, que cumpre o seu 175 aniversario.
Unha historia desta mítica formación musical, que comeza polo seu primeiro director Luis Veneroni até o último Francisco Pérez Rodríguez. Manexando o fondo documental da propia banda e o do Museo Etnolóxico, e a través de fotografías, documentos escritos, noticias e artigos xornalísticos así como partituras, José Ramón Estévez constrúe a crónica desta relevante formación instrumental.
Folleto das actividades para ver e descargar: