O Museo Etnolóxico acolle con gusto e interese solicitudes de préstamos da colección para exposicións abertas ao público que contribúan ao coñecemento e á comprensión dos bens que custodia ou das súas áreas de estudo.
Quen pode solicitar un préstamo?
O Museo considerará o préstamo a institucións públicas e privadas (museos, fundacións, bibliotecas, arquivos, institucións educativas, organismos públicos, etc.) de calquera lugar de España e do estranxeiro que ofreza acceso público e poida cumprir as condicións de préstamo definidas para cada ben.
Que se pode solicitar?
O Museo valorará o préstamo de bens de todas as coleccións a menos que existan cuestións legais, éticas ou prácticas que o impidan. Cómpre equilibrar o traballo que supoñen estes préstamos co propio programa de exposicións e actividades.
Así mesmo, o beneficio do aumento do acceso público ao ben deberá valorarse en relación aos riscos derivados da embalaxe, manipulación, movemento e transporte. Polo tanto, as solicitudes de préstamo están suxeitas a un procedemento de aprobación formal.
Como se realiza unha solicitude de préstamo?
Anímase aos posibles prestatarios a realizar unha investigación preliminar antes de solicitar un préstamo. Un recurso útil para planificar unha solicitude de préstamo é a base de datos en liña CER.ES ou o catálogo da Rede de Bibliotecas de Galicia, que ofrece información sobre os bens integrantes da colección.
O Museo agradece o contacto informal e temperán para discutir a selección de bens e os aspectos prácticos do préstamo. Podes enviar a túa consulta ao enderezo mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.gal
Para solicitudes importantes (polo número de bens ou polo seu valor), é moi recomendable que comentes o préstamo co Museo antes de cursar unha solicitude formal.
Se contactas por adiantado, o Museo poderá informarte sobre a dispoñibilidade do ben nas datas que che interesan, se o seu estado de conservación permite que se preste e quen ostenta a súa titularidade.
Os bens que se custodian no Museo Etnolóxico poden ser de titularidade estatal (propiedade do Estado Español) ou de titularidade autonómica (propiedade da Xunta de Galicia). Tamén poden ser un depósito de terceiros, é dicir, que sexan de propiedade privada.
As decisións de prestar os bens competen ao seu propietario (tras un informe favorable ou desfavorable do Museo), de xeito que é importante que saibas quen ten a última palabra sobre a túa petición.
Os tempos e documentos da solicitude varían segundo a titularidade do ben:
Bens de titularidade estatal
A petición de bens se realizará por escrito, mediante o envío dunha solicitude á dirección do Museo. Na solicitude deberá incluír, como mínimo, a seguinte información:
- Relación de obxectos solicitados en préstamo, incluíndo a identificación precisa dos mesmos e, sempre que sexa posible, número de inventario.
- Presentación da persoa comisaria da exposición e da entidade organizadora.
- Contido da exposición e proxecto expositivo.
- Datas da exposición e posibles itinerancias.
- Características das salas de exposición: condicións ambientais, medidas de seguridade, etc.
Todo préstamo de Bens de Interese Cultural dun Museo de titularidade estatal está condicionado á aceptación pola parte do prestatario das condicións de préstamo ditadas polo ministerio competente na materia. O orixinal do documento, debidamente firmado, se remitirá ao Museo como proba da súa aceptación. A dirección do Museo enviará á persoa solicitante a documentación necesaria (solicitude de préstamo e anexos) para formalizar a petición de préstamo.
Toda saída de Bens de Interese Cultural dun Museo de titularidade estatal deberá ser previamente autorizada mediante unha Orde Ministerial. En caso de ser necesario prorrogar o préstamo, solicitarase, coa suficiente antelación, unha ampliación da Orde Ministerial.
Se a exposición se celebra no estranxeiro, será obrigatoria a autorización de exportación temporal, conforme á normativa vixente. O prestatario dirixirá a solicitude de exportación temporal á Junta de Calificación, Valoración y Exportación de Bienes del Patrimonio Histórico Español.
Bens de titularidade autonómica
Todas as saídas de bens de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia fóra do Museo Etnolóxico, incluídas as saídas para exposicións temporais, análise, estudo ou restauración, serán autorizadas pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de centros museísticos, logo do informe da dirección do centro.
A petición se realizará mediante un documento de solicitude normalizado. O Museo remitirá á persoa solicitante o modelo correspondente para a súa cumprimentación.
A título informativo, a información que se solicita é a seguinte:
- Datos da persoa/entidade solicitante
- Datos da exposición
- Relación de bens para os que solicita a saída
- Características da sala expositiva, e/ou Facility Report
- Aceptación das Condicións xerais de saída de fondos da colección museística de Galicia ou bens en comodato
- Memoria explicativa da exposición
Bens de titularidade privada
Todas as saídas de bens fóra do Museo Etnolóxico, incluídas as saídas para exposicións temporais, análise, estudo ou restauración, deberán ser previamente autorizadas pola persoa titular dos fondos.
Isto quere dicir que, se o préstamo que desexas pedir pertence a un privado, o Museo ten a obriga de contactar coa persoa propietaria para pedir o seu permiso antes de que se tome calquera decisión.
Unha vez concedido este permiso por escrito, o Museo enviará unha petición formal á Xunta de Galicia idéntica á do apartado anterior. Polo tanto, a información que debes remitir neste suposto é a mesma que para os bens de titularidade autonómica.
Que prazos hai?
Os tempos para solicitar un préstamo varían segundo a titularidade do ben:
- Bens de titularidade estatal: Se requerirá un prazo mínimo de seis (6) meses de antelación desde que se reciba a solicitude de préstamo ata a data prevista para a saída das obras do Museo.
- Bens de titularidade autonómica: A solicitude de saída deberá realizarse cunha antelación mínima dun (1) mes.
- Bens de titularidade privada: A solicitude de saída deberá realizarse cunha antelación mínima dun (1) mes.
Por favor, ten en conta de que estes prazos empezan a contar desde o momento en que se recibe a solicitude no órgano competente, é dicir, no ministerio ou na consellería. Daquela, o prazo mínimo non inicia cando a solicitude formal chega ao Museo Etnolóxico, senón cando o Museo Etnolóxico a remite ao órgano superior e este a recepciona.
Antes de enviar a solicitude a quen corresponda, o Museo debe redactar un informe indicando se o ben se pode prestar, polo que agradecemos que teñas isto en consideración cando planifiques o cronograma do teu proxecto.
Por exemplo, se queres solicitar un ben de titularidade estatal, calcula que precisarás polo menos seis (6) meses, máis o tempo de facer a consulta informal ao Museo e de proporcionar a información necesaria para que se avalíe a túa proposta e se elabore o informe.
Durante canto tempo se prestan os bens?
A duración dun préstamo pode depender de varios factores:
- A fraxilidade ou vulnerabilidade do ben (por exemplo, os obxectos moi sensibles á luz requiren tempos de exposición limitados).
- A existencia doutra petición de préstamo en datas anteriores/posteriores ás datas solicitadas.
- As necesidades do Museo, que precise do ben para a súa programación interna.
Para os bens de titularidade autonómica, a lei recolle que a duración, con carácter xeral, non será superior a nove meses, agás casos excepcionais en que se require un prazo maior, polo tempo indispensable para o fin que lles é propio.
Por favor, ten en conta que para solicitar unha prórroga dun préstamo xa concedido é necesario repetir algúns dos trámites descritos e nos prazos citados, polo que é necesario contactar co Museo con antelación para poder xestionar a extensión a tempo.
Se tes dúbidas sobre este punto, por favor ponte en contacto co Museo.
A quen se dirixe a petición?
Cando teñas toda a información requerida para enviar a solicitude formal, por favor dirixe a túa comunicación á atención de:
María del Pilar Núñez Sánchez
Directora
Museo Etnolóxico de Ribadavia
Rúa de Santiago, 16
32400 Ribadavia
Ourense
As solicitudes formais deben enviarse ao enderezo anterior ou ao correo electrónico mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.gal
Por que motivos se rexeita un préstamo?
O Museo Etnolóxico trata de facilitar os préstamos das súas coleccións sempre que sexa posible. Non obstante, pode haber ocasións nas que unha solicitude de préstamo sexa rexeitada. O Museo explicará os motivos desta decisión, que poden incluír:
Compromisos previos do ben/un conflito de datas con outros proxectos.
- Fraxilidade ou natureza delicada do ben.
- A sede expositiva non pode cumprir os requisitos de seguridade, ambientais e de visita esixidos.
- Xustificación inadecuada/insuficiente da inclusión do ben no proxecto expositivo.
- O ben se necesita no Museo para actividades propias.
- De prestarse, o ben non estará accesible ao público.
- A solicitude de préstamo non se recibiu coa antelación suficiente.
- A presión sobre os recursos materiais e humanos do Museo non permite xestionar máis solicitudes nese periodo concreto (por exemplo, se o ben precisa restaurarse para expoñerse e hai outros bens na mesma situación).
Que sucede cando se aproba un préstamo?
A persoa/entidade prestataria recibirá unha comunicación informativa coa resolución da súa solicitude de préstamo.
Tras a aprobación dunha solicitude de préstamo, o persoal técnico do Museo pasa a ser o único punto de contacto para as seguintes etapas do proceso: negociación das condicións ambientais e de seguridade, requisitos de exposición, acordo de préstamo e seguro, e requisitos de transporte e embalaxe. A persoa/entidade prestataria deberá asinar as condicións de préstamo xerais e específicas para cada ben, e garantir o seu cumprimento en todo momento. O Museo presta especial atención á adecuada xestión do risco físico para o ben en cada etapa do proceso de préstamo, e se reserva o dereito de retirar a aprobación dun préstamo se non se poden resolver problemas específicos de seguridade, exhibición ou outros.
Se tes algunha dúbida sobre este tema, por favor escribe a mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.gal. Será un pracer axudarte a difundir as coleccións.
Grazas por pensar no Museo Etnolóxico.