Historia

Share

O hoxe denominado Museo Etnolóxico. Ribadavia é un museo de titularidade estatal e xestión transferida á Xunta de Galicia. Foi creado a iniciativa do entón comisario para a Primeira Zona do Patrimonio Artístico Nacional, Manuel Chamoso Lamas, como Museo de Artes e Costumes Populares. Tras unha etapa como Sección Etnográfica do Museo Arqueolóxico Provincial, adquire a súa independencia como institución museal non ano 1993.

 

A súa sede é o pazo de Baamonde. José María Martínez Vázquez en 1908 compra o inmoble do nº 10 da rúa de Santiago á viúva de Baamonde, e destinará por disposición testamentaria a sede dunha fundación benéfico-docente. Así, entre 1917 e 1950 acolleu diferentes centros docentes: colexio «San José», colexio «Fundación Martínez Vázquez» e colexio «Akademos». En 1948 instálase nel a Estación Escola número 8 da Cadea Azul de Radio, xerme da actual Radio Ribadavia.

 

Tras un tempo en propiedade da Xunta Provincial de Beneficencia, en 1950 é adquirido polo Concello de Ribadavia, destinándoo a sede de actividades diversas, destacando o acoller entre 1953 e 1958 ao Instituto Laboral Agrícola, o Padroado de Promoción Obreira, etc.....

Entre 1970 e1980 procédese ao acondicionamento do pazo de Baamonde baixo a dirección dos arquitectos Francisco Pons-Sorolla e Carlos Fernández-Gago, con cargo ao Programa de Restauración de Monumentos e Obras das Delegacións Provinciais de Educación e Ciencia. En 1967 o inmoble é cedido sine die ao Estado para a súa xestión pola Dirección Xeral de Belas Artes para acoller ao Museo Etnográfico do Ribeiro; acordo municipal que será aprobado polo Pleno do Concello no ano 1978.

En 1985 instálase tamén no edificio a adega experimental concedida polo INDO ao CRDO Ribeiro; ademais disponse que Museo e Concello compartan unha sala para actividades.

En 1986 o Museo abriu definitivamente ao público como Sección Etnográfica do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Asumidas as competencias pola Comunidade Autónoma e transferida a xestión dos museos, a Xunta de Galicia procede en 1993 á creación dun Museo con plena entidade, pasando desde entón a empregarse para o mesmo a denominación de Museo Etnolóxico. Ribadavia.

Os seus fondos acollen coleccións etonográficas que documentan os cambios nos ámbitos rural e vilego galego, conformados tanto por bens mobles, como documentais: destacando entre estes as coleccións fotográficas e o arquivo oral.