|
Cinema
O próximo venres 5 de outubro, ás 20 horas, terá lugar a primeira proxección do CINE DE OUTONO (I) 2012 . Miradas Etnográficas, programado polo Museo Etnolóxico para os meses de outubro e novembro.
A primeira película en proxectarse será Milímetros, do director Xes Chapela e producida por Matriuska (Daniel Froiz). Está película foi estreada, en decembro de 2011, na sede do CGAI na Coruña e dende entón non foi vista en ningunha sala máis, o cal supón un valor engadido para este museo.
Haberá un acto de presentación deste documental ao que asistirá Xes Chapela, que nos desentrañará o proceso de recuperación destas antigas imaxes de Galicia e os detalles máis significativos da elaboración deste filme.
Cine de Outono (I). Miradas Etnográficas. 2012
A imaxe, fotográfica ou filmada, supón para o coñecemento antropolóxico unha ferramenta sustancial. A imaxe, documental ou argumental, proporciona un relato con singularidades e trazos propios, fedatarios sempre de acontecementos reais ou imaxinados que posibilitan achegamentos e reflexións etnográficas. O Museo Etnolóxico, persuadido da importancia da imaxe (fixa e filmada) quere iniciar un ciclo de cine, onde filmes con argumento e documentais mostran a súa fecundidade etnolóxica.