Cine de outono: Miradas Etnográficas 4

Share

|
Cinema
Cine outono

Neste 2016 as cuartas Miradas Etnográficas do ciclo Cine de Outono botan unha ollada cara algunhas poboacións que foron anegadas para construír encoros e como se enfrontan a esta situación as xentes que viven neses lugares de Galicia, de Rusia e da China.

As proxeccións serán de balde ás 20.30 h. no Museo Etnolóxico o venres 7, sábado 8, venres 14 e sábado 15 de outubro, coa colaboración do Cineclube Padre Feijoo de Ourense e a Federación de Cineclubes de Galicia.

Nas proxeccións dos filmes galegos:"Asolagados" e "Os días afogados" contaremos coa presenza da equipa de rodaxe dos filmes, cos que manteremos un coloquio para coñecer os pormenores da rodaxe e a súa experiencia con esta realidade, que tanto mudou as vidas das persoas que habitaron estes pobos anegados polos encoros de Belesar e do Lindoso.

Venres 7 de outubro, 20.30 h.

 

 

ASOLAGADOS
(Galicia, 2013). 60'
Director: David Vázquez

Documental sobre a xente e os seus pobos (Abideira, Porto, Castro Candaz, Santa Marta, Pincelo, Ponte fortes, A Samugueira, San Paio, Mourulle, Portomeñe, A Ermida, Ribó…), anegados polo encoro de Belesar en 1963. Imaxes e sons da Ribeira Sacra e do río Miño; dos restos das casas, das adegas, das árbores… e especialmente, dos dez testemuños que viviron nestes lugares antes da construción do salto e que se viron obrigados a deixalo todo.
Xa que logo este documental fai unha posta en valor das tradicións, costumes e labores que se facían na ribeira por medio das narracións que fan os nosos protagonistas de cómo era a vida antes e cómo é agora a carón do río.
Premios:
Primeiro premio Olhares e Enquadramentos do Festival RIOSde Vila Real (Portugal).

Sábado 8 de outubro, 20.30 h.
 

NATUREZA MORTA "Sanxia haoren"
(China, 2006). 108'
Director: Jia Zhang Ke

Tras a construción da presa das Tres Gargantas (China) a aldea de Fengjie foi anegada e os seus habitantes realoxados nunha nova localización. O mineiro Han Sanming regresa a Fengjie, logo de 16 anos de ausencia, na procura da súa muller. Tamén a enfermeira Shen Hong está na procura do seu home na aldea.
Premios:
León de Ouro á mellor película no Festival de Venecia de 2006.

Venres 14 de outubro, 20.30 h.
 

OS DÍAS AFOGADOS 
(Galicia, 2015). 86'
Directores: César Souto e Luis Avilés

En 1992, a construción do encoro do Lindoso (Portugal) anegou para sempre as aldeas ourensás de Aceredo e Buscalque (Ourense, Galicia). Os seus habitantes nada puideron facer para salvar as súas terras nin os seus fogares. Sabendo que todo estaba a piques de perderse, varios veciños colleron as súas cámaras domésticas e comezaron a gravar. As súas imaxes, recollidas desde mediados dos anos 60, constitúen un valioso documento histórico e etnográfico, filtrado pola subxectividade e as vivencias familiares. Son, ao mesmo tempo, un acto de fe nas posibilidades do cinema doméstico para dar conta do tempo histórico que nos toca vivir. Máis aló do íntimo, revélanse como un retrato dos mecanismos cos que actúa o poder. A tensión entre o existencial e o político, e entre o tempo pasado e a realidade presente, condicionan unha historia que se proxecta en múltiples sentidos máis aló de si mesma.
Premios:
Premio do Público e mención especial do xurado no Festival de cine doucumental de Cádiz ALCANCES 2016.  Premio UPTOFEST á Distribución. 

Sábado 15 de outubro, 20.30 h.

 

ADEUS A MATIORA "Proshchaine"
(Unión Soviética, 126'). 1983
Director: Elem Klimov 

Matiora é unha illa situada na parte central de Rusia, no medio dun gran río, que será anegada para facilitar a construción dun encoro. Esta é a historia dos seus habitantes, que teñen que despedirse do seu fogar, mais non é só a historia dunha pequena aldea senón que o director presenta e reflexiona sobre un problema de dimensións históricas: o conflito entre a sociedade moderna e a sociedade tradicional.
O filme está baseado na novela de Valentin Rasputin "O adeus a Matiora" (1976).