Conversa no Museo con Begoña Ces Fernández: "O terremoto do 1/XI/1755 no Ribeiro"

Share

|
Conferencias
Conferencia
O próximo venres 4 de novembro, ás 20:30 hteremos no Museo Etnolóxico unha conversa con Begoña Ces Fernández,  Arquitecta e Máster en Rehabilitación Arquitectónica pola Universidade da Coruña sobre os efectos no Ribeiro do coñecido como o Gran Terremoto de Lisboa.
Begoña Ces Fernández defendeu no ano 2015 a súa tese do doutoramento en Arquitectura na Universidade da Coruña, resultado dunha investigación desenvolvida durante os últimos cinco anos, na que estudou, dende o punto de vista construtivo e arquitectónico, os efectos do coñecido como O Gran Terremoto de Lisboa do 1 de novembro de 1755 sobre o patrimonio monumental galego. Entre os seus temas de investigación está o patrimonio arquitectónico, as patoloxías na construción, a historia da arquitectura e a sustentabilidade ambiental.

 

O seu interese polo patrimonio ourensán remóntase aos seus estudos de Mestrado, tendo escollido como tema do seu traballo de mestrado a evolución arquitectónica e os procesos de destrución e rehabilitación da igrexa do mosteiro cisterciense de Santa María de Melón.
A súa tese: Los efectos del seísmo de Lisboa de 1755 sobre el patrimonio monumental de Galicia, foi dirixida por Ramón J. Yzquierdo Perrín e titoriada por José Ramón Soraluce Blond, está dispoñible para a súa consulta no repositorio institucional da Universidade da Coruña, na seguinte ligazón permanente: http://hdl.handle.net/2183/15902.
 Begoña Ces fixo unha recensión da súa tese no blogue da Biblioteca do Museo que podedes consultar AQUÍ , ademais na Biblioteca do Museo depositou para consulta de toda as persoas interesadas, unha copia en papel da parte relativa aos efectos do Gran Terremoto de Lisboa no patrimonio arquitectónico da comarca do Ribeiro, e unha copia en CD-ROM da súa tese.