En febreiro festexamos...

Share

1 de Febreiro do 2021
|
Tradicións

Pilar Vilaboi Freire axúdanos a lembrar os festexos e tradicións do mes de febreiro en Galicia, algunhas das festas xa anuncian ó despertar da natureza "Cando a Candeloria chora, medio inverno fóra", por suposto a diversidade e riqueza do Entroido, san Brais, santa Ágeda, santa Lurdes...

Febreiro é o segundo mes do ano no calendario gregoriano e o que menos días posúe: ten vinteoito días os anos normais e vintenove os bisestos. Foi chamado así en honor ás februa das Lupercales: celebraban unha festa anual de purificación da Antiga Roma chamada februa (de februum, unha especie de correa) nunha data que hoxe se identifica coma o 15 de febreiro. Tras a fundación de Roma e o xurdimento do Imperio Romano, a urbe tomou prestado o nome das festas februas para designar o mes nas que estas tiñan lugar, que daquela era o último do ano. En canto a refráns referidos a este mes temos: A suga de febreiro fai o lameiro; A castaña e o besugo, en febreiro non teñen zugo; ou A chuvia de febreiro fai o palleiro. Algúns recitados falan tamén deste mes:

Dixo no monte unha vella:
Vaite, febreiriño corto,
cos teus días vinte e oito,
que, se tiveses máis catro,
non quedaría can, nin gato.

Febreiro contestou moito:
Os teus becerriños oito
deixa que meu irmán marzo
hachos de volver en catro.

...

O 2 de febreiro festéxase o día da Candeloria ou das Candeas. O seu étimo procede do latín candelorum ‘das candeas’, da voz candela, derivado de candeo ‘arder’. Da forma Festum Candelorum ‘festa das candeas’ elaborou o pobo o nome Candeloria (ben documentada no uso e nos refráns), que alterna co uso da forma posterior Candelaria, posiblemente por influxo do castelán. O cultismo Candela está competindo coa patrimonial Candea, que debe preferirse. Ese día lévanse bendicir as candeas á Igrexa e cando se precisan acéndense para calmar as treboadas, esconxurar o trono ou para acompañar o viático poñéndollas nas mans dos moribundos. Crese que os nenos que morreron sen bautizar e que, polo tanto están no limbo, permanecen en perpetua escuridade e só poden ver a luz do día o día da Candeloria. Segundo a crenza popular ese día casan os paxariños e é tamén a festa do amor e do apareamento de todo o reino animal. En Verín van na procesión unhas nenas levando dúas pombas e unha torta. Na Coruña, as nais ás que lles morreu un meniño antes de bautizar acenden unha candea; Vicente Risco menciona que as cigarreiras da cidade colocaban na igrexa candeas acesas sobre feixes de romeu, en memoria dos pobres cativos. No sábado máis próximo a este día celébrase a Festa do Lume, que é unha xuntanza dos cristiáns galegos da asociación Irimia. É patroa das Illas Canarias. É moi sonado o refrán: Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, mitá do inverno está por pasar; e estoutros: Virxe da Candela, que non me trabe can nin cadela; e Señora das Candelas, polas túas xulga as alleas.