En outubro festexamos...

Share

1 de Outubro do 2020
|
Tradicións

"O mes de outubro é o décimo mes do ano do calendario gregoriano, aínda que o seu nome vén de ter sido o oitavo (octavus) mes no calendario romano. Outros nomes populares son o mes de outono, de San Lucas e do Rosario. Neste mes próbase o viño novo da vendima e envásase, como din os refráns: Polo san Lucas solta os bois, mata os porcos e tapa as cubas; ou San Simón proba o viño e o porco San Martiño".

[Fragmento do traballo de Pilar Vilaboi]

...

O 18 outubro festexamos a San Lucas, nome de orixe no grego Lukas, forma hipocorística de Lukanós ‘oriúndo de Lucania’, latinizado en Lucas ou Luca. Non se desbota que proceda do grego Lukius ou do latín Lucius ‘luminoso’. Este xudeu naceu en Antioquía onde era médico. Convertido por san Paulo, seguiu ao seu mestre nas viaxes por Grecia e Italia. San Lucas é un dos catro evanxelistas, o que escribiu o terceiro Evanxeo. É un dos patróns dos médicos e en Galicia tamén da Facultade de Medicina e dos concellos de Chantada, Mondoñedo e Pastoriza. Unha das máis sonadas feiras tradicionais é as San Lucas de Mondoñedo. A orixe das festas atribúeselle ao bispo Martiño, que as iniciara para celebrar a consagración da catedral en 1246. Pero todo apunta a que o seu inicio se remonta a 1156, ano en que Afonso VII concedera unha festa de oito días. Estas feiras das San Lucas, que en tempos duraron 15 días, son fundamentalmente de gando do monte. Actualmente duran cinco días: o 16 ábrese oficialmente a festa co pregón na xornada das Revésperas; o 17 son as Vésperas, o 18 é o propio día de San Lucas, o 19 coñecido como Día do Medio e o 20 remata coas Maulas, día en que os feirantes venden os últimos produtos a metade de prezo. Deu lugar a refráns referidos ás uvas: Polo san Lucas, saben as uvas, porque hai poucas ou ningunhas; Entre san Lucas (18-10) e san Xudas (28-10) cóllense as uvas; pero tamén a outros traballos da terra: Por san Lucas bois ao arado, que enxoitos que mollados; Pola semana de san Lucas, suca, boi, suca.