Pilar Vilaboi continúa achegándonos historias, lendas, refráns... asociados a algunhas das datas festivas significativas de Galicia, nesta ocasión referentes ao "septimus" mes do calendario romano, ao mes das festividades de San Miguel, San Mateo, Virxe dos Remedios, do Portal, dos Milagres... ao mes dos figos migueliños e cirolas migueliñas que apunta Eladio Rodríguez, como di o refrán: "En setembre e outono, bebe o viño vello e deixa estar o novo".
En setembro festexamos...
O mes de setembro é o noveno mes do ano no calendario gregoriano, pero o seu nome provén da mesma raíz latina ca sétimo (septimus), xa que era este mes no calendario romano, que empezaba en marzo. Tamén é coñecido como mes de San Miguel, San Mateo ou da Virxe dos Remedios, por seren calquera das tres advocacións de moita tradición no mes. Segundo Eladio Rodríguez temos, figos migueliños e cirolas migueliñas, son aquelas froitas que maduran polo San Miguel, cara aos últimos días de setembro; e refráns sobre este mes onde se fala do viño: En setembre e outono, bebe o viño vello e deixa estar o novo; das inclemencias do tempo: Setembre, ou leva as pontes ou seca as fontes ou con alusións a datas concretas: Por Santa Erea (18 setembro), toma os bois e semea; por San Martiño (11 novembro), nin fabas nin liño.
O 8 de setembro tamén é costume peregrinar a Santo André de Teixido, aínda que tamén hai outra data máis no inverno, o 30 de novembro. Este santuario de Teixido (A Régoa, Cedeira) está nun escarpado acantilado na serra da Capelada e representa para os galegos unha cita obrigada de peregrinaxe para todo bo fillo do país, pois A San Andrés de Teixido vai de morto o que non foi de vivo. Algúns defuntos fan a peregrinación no corpo dun animal, de aí que se respecten os animais que van polo seu camiño –sapos, cobras, lagartos, paxaros- pois ben puideran ser almas dos defuntos que en vida non cumpriron. A tradición asegura que, se o animal camiña cara ao Norte, é sinal de que esa alma vai á redención. Outros defuntos reciben a axuda dun vivo: con frecuencia os autobuses chegan a Teixido cun certo número de asentos baleiros que os familiares reservan para a alma dalgún devanceiro. San Andrés é un santuario de morte, pero tamén da saúde; así, bótanlle pedras no tellado e din San Andrés, unha pedriña para o ano que vén voltar sanciña. Mais tamén o é do amor, xa que mozos e mozas acoden a el para encontrar con quen casar. Alí buscan a herba de namorar, tamén coñecida como empreñadeira (Armeria maritima) -corresponde co caravel mariño-, planta marítima que os devotos adoitan recoller en Teixido para adornar e completar con ela o ramo da romaxe, que é unha vara longa de abeleira coas tradicionais rosquillas e ornamentais pólas de teixo. Algunha copla fala do afastado lugar: Tres días hai que non como, / tres días hai que non durmo / para ir á san Andrés / que está no cabo do mundo; outra da romaría: Fun ao santo san Andrés, / fun coa miña empanada, / anque o santo é milagreiro, / é amigo da foliada; e tamén este refrán: Polo vran a san Andrés moitos van, o resto do ano vai o que vai.
...
E remato cuns versos de Aquilino Iglesia Alvariño titulado Setembro:
[...] Que tenro e fino ven o musgo novo
coa iauga do setembre verdecido!
No medio dos carballos, nun relanzo,
as pilas de follasca, qué ledicia [...]