O coñecido como «Arquivo Llanos» está conformado por imaxes captadas por tres xeracións de fotógrafos da mesma familia. A saga comeza cun pintor e escenógrafo valenciano, Francisco Llanos Más, que, como tantos compañeiros de profesión, decide dar o paso á fotografía e acaba instalando, circa 1880, o seu estudio na Porta do Sol da cidade de Vigo; o seu fillo, Francisco Miguel Llanos Trápaga, colabora co pai, abre o seu propio estudio, na rúa Policarpo Sanz, e colaborará co diario Faro de Vigo e será correspondente de prensa madrileña, á par que funda a revista Alegría (Vigo), adicada ao periodismo literario-humorístico; o terceiro fotógrafo da saga, Ángel Francisco Juan Llanos González, será o continuador do estudio e onde se iniciará na fotografía; mobilizado na Guerra Civil (1936-1939), tras recibir a cuarta ferida en combate incorpórase como fotógrafo ao Cuartel Xeral do xeneral Antonio Aranda Mata, durante a contenda tivo a oportunidade, nun estacionamento da súa unidade en Zaragoza, de traballar durante algún tempo con Jalón Ángel; xa reincorporado á vida civil en Vigo, colaborará asiduamente nos xornais Faro de Vigo e La Voz de Galicia, moi especialmente na fotografía deportiva. No seu conxunto este fondo, e pese a ter sufrido un incendio en 1910 e pasado por varios traslados, abarca a totalidade do século XX e recolle unha temática de amplo espectro, sobre todo na parte correspondente á etapa de Ángel Llanos, home inquedo e de aguda sensibilidade que estivo sempre presto a fixar coa súa cámara, amais dos eventos relevantes, a vida cotiá desenvolvida ao seu redor, na paz ou na guerra, no traballo ou no lecer, na terra ou no mar, dende un barco ou mesmo dende un avión.
Vista xeral dos Cantóns dende o Cantón Grande
Vista parcial da ría de Vigo durante a despedida dun transporte de tropas para a Guerra de África.