BEN(S)VIDOS. Novas adquisicións do Museo. A cadeira de barbear

Share
Do
1 de Setembro do 2023
al
24 de Outubro do 2023

 

A colección do Museo Etnolóxico é moi rica tanto en número como variedade de pezas que se poden ver nas salas do museo así como aquelas que se conservan na sala de reserva. A natureza propia do museo non permite expor nas salas todo o patrimonio que pasa a formar parte da colección , ben por espazo, tempo ou discurso expositivo. É por iso que nace “BEN(S)VIDOS”, un proxecto expositivo no que lle damos lugar a pezas que pasan a formar parte da colección e que esperaban ser expostas nas salas do museo.

 

Nesta ocasión a peza escollida é unha cadeira de barbear de produción artesanal procedente do concello de San Amaro (Carballiño). A peza chegou ao museo mediante un proceso de doazón por parte de Francisco Fariña Busto, quen foi director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, do que dependeu tamén a dirección do Museo Etnolóxico en Ribadavia. A cadeira atopábase nunha casa particular, nunha situación de conservación moi negativa o que fixo necesario o traballo das restauradoras do museo para desfrutala como a temos na actualidade.

 

A cadeira de barbeiro é un moble de tipo popular que foi evolucionando á par que o propio oficio dos barbeiros, o que se remonta aos tempos de gregos e romanos, pasando pola Idade Media na que os barbeiro realizaba tamén labores de tipo sanitario, até ir acotando o eido de traballo no campo do cabelo. A cadeira exposta na sala encadrámola no primeiro terzo do século XX, cando empezaban a popularizarse as cadeiras de fabricación industrial de ferro fundido polo que esta peza en madeira e de produción totalmente artesanal, permítenos falar da convivencia na produción de mobles de produtos artesanais que tomaban ós industriais como modelo, adaptando o facer á arte do carpinteiro, aos recursos e ás necesidades a cumprir.

 

Esta cadeira conta cunha base circular con peana e un eixo de ferro fundido que permite a rotación do asento. O asento, o respaldo e o repousacabezas son de madeira pintada en azul e branco, forradas cun veludo verde recheo de tecido que fai a cadeira máis cómoda. Destaca o enxeño do artesán quen colocou a cada lado unha caravilla que permite a inclinación do respaldo en dous niveis diferentes.

 

Na exposición, a cadeira acompáñase de material de divulgación: texto de sala en vinilo sobre a parede frontal e vídeo explicativo; así como de material documental que contextualiza a peza: unha reprodución dunha folla do xornal “El Ribadaviense” (1933) con varios anuncios de barberías de Ribadavia; unha reprodución dun retrato de Ramón Fernández Macías (Foto Chao, Ribadavia), quen entre outras actividades, rexentou a barbería “El Centro” en Ribadavia da que tamén expoñemos unha reprodución dun anuncio atopada no “El Ribadaviense” (1901). Por último, expoñemos a transcrición de parte dunha copla de entroido de 1917 na que se fai referencia ao poder dos barbeiros na vila, en referencia ao propio Ramón Fernández quen por aquel tempo, ademais de barbeiro, foi alcalde de Ribadavia.