
O sábado 5 de setembro de 2020 celebrase en Ribadavia o Festival Artificial que se define como "un festival musical e interdisciplinar en pleno conxunto histórico de Ribadavia" por iso tamén organiza a exposición: "Liña verde" que podedes gozar no Museo Etnolóxico do 5 ao 20 de setembro.
Prestando especial atención ao conflito biolóxico- cultural propio do proceso de madurez, a exposición ofrece ao espectador a posibilidade de desentrañar o imaxinario dunha xeración. Desde técnicas rudimentarias ata o fetichismo sobresaturado propio da publicidade, o elenco de artistas artella desde diferentes narrativas un discurso sobre o que supón enfrontarse ás esixencias dunha sociedade contemporánea que medra a expensas da destrución da natureza e do rural.
O título da exposición tómase emprestado da expresión galega "Xente nova é leña verde, todo fume" que insiste no prexuizo da inexperencia, a desaprocupación e a irresponsabilidade asociada ao comportamento da xuventude. O refrán fai alusión ao proceso natural de madeira nova ao entrar en contacto co lume. No canto de arder, a combstión dá lugar a unha columna de fume. No canto arder, a combustión da lugar a unha columna de fume. A ironía xoga un papel fundamental na escolla do título, poñendo a énfase no potencial e na motivación das novas xeracións por construír novos diálogos culturais en novas contornas expositivas, tales coma o Museo etnolóxico de Ribadavia.