Comeza o outono e unha das citas importantes todos os anos en Ribadavia e tamén no Museo Etnolóxico é a participación no Outono Fotográfico.
Eses muros, ás veces doentes, ás veces con retranca, sempre singulares, que nos saen ao encontro en calquera parte da cidade nacen coa espiña do efémero. Batallando coas opacidades do ceo tivo o fotógrafo que soportar esperas para atopar o momento pertinente de luz. Ata tivo que agardar estacións propicias cando pretendeu captar matices no inverno ou na primavera.
Para esta mostra podería ter presentado a máis ampla colección de vistas onde locen habilidades tantos artistas do efémero. Contribuiría así a dar permanencia a obras condenadas ao esquecemento.
Considérase en débeda o autor con tantos artistas do sprayque sacaron do anonimato, dándolles categoría de arte, recunchos das nosas cidades. Darase por ben pago se contribuíu para demostrar que, aínda no efémero, caben outras virtudes, e moito máis, se cooperou a perpetuar obras antes de que as sacuda o vento.
Juan Antonio Gómez consolida a súa vocación en Madrid onde vai estudar Económicas no Real Centro Universitario María Cristina (UCM), ingresando na Escola Oficial de Cinematografía. En 1967 funda a Agrupación Fotográfica de Ribadavia xunto con Víctor López, Hipólito Fernández, Luis Olivares, Enrique Rodríguez e Antonio Pérez. Entre outros, obtivo o premio especial A.F.O., o I e o II Trofeo Galicia, o premio do Nacional de Fotografía Turística, o I Concurso da Delegación de Información e Turismo, etc.
Fundador (1977), xunto con Hipólito Fernández e Enrique Banet, do Grupo 77; que se presentou no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense con prólogo de Xesús Ferro Couselo no programa.
Anos despois, salvo a etapa con Luis Olivares co selo Foto-Asociación, crea ARGOFOT traballando en solitario para editoriais, administracións e empresas, entre estas Franco Maria Ricci con obra en FMR e en ART FMR.
Aproveitamos esta exposición dun dos fundadores da Agrupación Fotográfica de Ribadavia para facerlle unha lembranza a esta Agrupación ribadaviense, con motivo dos 50 anos da súa fundación, o 29 de abril de 1967, cun folleto informativo no que se reflicte a finalidade e os obxectivos desta agrupación, así como quen formou parte da súa primeira directiva e persoas que formaron parte dela ao longo da súa existencia.