
Territorios en tránsito: Afluencias e influencias xorde do encontro entre dúas perspectivas visuais que exploran os movementos da poboación e as transformacións que estes producen nun territorio. A mostra presenta o traballo máis recente do artista galego Jesús Madriñán, a serie Lanzarote, en diálogo cunha selección de imaxes do Museo Etnolóxico, establecendo unha reflexión sobre as dinámicas de mobilidade que marcaron e seguen a marcar a sociedade.
O proxecto de Madriñán achégase á realidade migratoria e turística de Lanzarote cunha mirada contemporánea e monumental. Os seus retratos, captados con cámara analóxica de gran formato, presentan figuras illadas do seu contexto, reivindicando a súa individualidade e subliñando as similitudes entre aqueles que chegan a un territorio por motivos moi distintos. A ausencia de referencias explícitas sobre a orixe ou o destino das persoas retratadas provoca unha lectura aberta, na que as categorías de migrante ou turista dilúense na humanidade compartida por todas elas. Complementando estes retratos, a exposición inclúe bodegóns que evocan a pegada material do tránsito humano sobre a realidade canaria.
O Museo Etnolóxico, pola súa parte, custodia un amplo arquivo fotográfico que documenta os cambios socio-demográficos en Galicia desde finais do século XIX ata o presente. As imaxes seleccionadas para esta exposición amosan rostros da emigración enviados e recibidos, así como a progresiva consolidación de Galicia como emisora e receptora de viaxes de lecer. Fotografías de estudio, documentos de identificación ou imaxes de medios de transporte funcionan como testemuños que representan as traxectorias vitais de milleiros de persoas, ofrecendo unha perspectiva histórica sobre as mesmas cuestións que Madriñán aborda dende a contemporaneidade.
Ademais de propoñer unha conversa entre diferentes lugares, épocas e enfoques, a mostra tamén convida a reflexionar sobre a relación entre fotografía artística e documental. Tanto Madriñán como algúns dos fotógrafos representados nos fondos do Museo Etnolóxico empregaron cámaras de placas, mais os resultados e a intencionalidade das súas imaxes son profundamente distintos. A exposición pon en valor esta diversidade de miradas e convida a explorar o papel da fotografía como vehículo de memoria e ferramenta para interpretar o presente.