Cantares de cego

Share
25 de Maio do 2020
O cego cantor de romances é un personaxe popular desde a Idade Media, sendo as veces tamén un protagonista literario, un arquetipo, que aparece en numerosas obras de literatura culta onde a súa presenza é indispensable cando se pretende unha ambientación popular.

As Coplas de Cego durante a primeira metade do século XX alcanzaron un enorme auxe. Cando chegaban os cegos ás poboacións, feiras ou festas, a xente formaba círculo ao seu arredor, esperando oír as súas coplas que eran historias baseadas en feitos reais manipulados, contadas e cantadas acompañadas por algún instrumento musical, violín, acordeón ou unha zanfona e axudados polas súas mulleres, fillas ou ben lázaros que vendían uns pregos. 

Artistas ambulantes (nº inventario 2010/12/000045000045)
 foto de Benedicto Conde González, «Bene»


Estes pregos que vendían empezaron sendo unha simple folla dobrada dúas veces para formar oito páxinas, de baixo prezo, sen encadernar, destinados á lectura rápida como unha simple modalidade literaria comparable a un xornal e onde se podían ler aquelas historias que logo podían formar parte da conversa da xente arredor do calor da lareira ou nos falangueiros.Trataban xeralmente temas relixiosos ou históricos, narracións sobre cativos e bandoleiros, domésticas, amorosas ou satíricas ou tamén acontecementos reais da actualidade como podían ser os crimes, incidencias políticas, etc. 

Finalizaba o autor solicitando á persoas oíntes que mostrasen o seu agrado contribuíndo cunha pequena achega monetaria polo que acababan de escoitar ou ben a compra do impreso no que estaba escrito o romance:

"E aquí remata o romance
que no prego escrito está,
só dous céntimos custa
a quen o queira levar".

Neste enlace pódese escoitar unha destas coplas coas imaxes nas que se ve a Faustino Santalices, insigne gaiteiro e investigador do instrumento da zanfona na primeira metade do século XX: 
Estes cantos tamén foron versionados por grupos de música folk tradicional galega mais recentes, como neste caso o grupo «A Quenlla» coa intención de que non se esquecesen: https://youtu.be/ZwcoNtoTQbM.

*No catálogo de Museos de España CERES, pódese encontrar a ficha de catalogación de dita fotografía e doutras mais deste autor e que forman parte do fondo documental do Museo.