Actuación das cantareiras Ergutío

Share

16 de Maio do 2025
-
8 da tarde
|
Música
Ergutío

Con motivo do Día das Letras Galegas, o Museo Etnolóxico quere homenaxear ás nosas ancestras, as mulleres que
mantiveron viva a lingua alén dos tempos cos seus cantos. É por iso que o día 16 de maio terá lugar no museo a actuación das cantareiras Ergutío.

Ergutío é un grupo de cantareiras que fai música bebendo da raíz, da tradición. Naceu no seo da Escola de Música Tradicional de Baños de Molgas, onde se coñeceron e onde aprenden.
No seu repertorio atoparedes xotas, muiñeiras, maneos, rumbas, mazurcas; pero tamén se atreven con outras músicas. Tocan os instrumentos que tocaban as súas nais e avoas: morteiros, culleres, legóns, petos, canaveiras, pandeiretas... Fan voces, pois pensan que así enriquecen as melodías tradicionais, xa de por si fermosas.

Ergutío naceu en xullo de 2017 cando decidiron aceptar a invitación para pechar o sexto Congreso Galego de Naturopatía.

A partir de aí, sucedéronse os eventos: Actuaron no Centro Galego de Lisboa. Foron invitadas a cantar con Marisa Valle Roso o emblemático tema “Arriba quemando el sol” no seu concerto de Verín. Participaron na súa primeira gravación, o single “Décimas para Violetas e Margaridas”, que formou parte dun dos discos da cantora brasileira Kátya Teixeira. E como non, participaron en foliadas e eventos de música tradicional como o ourensán Venrespirar , a Festa do Pemento de Arnoia, Os Solpores do Castelo de Maceda, os concertos da Arca da Noe, o festival Daquelas que Cantan organizado por Uxía, os encontros Raizes en Portalegre convidadas polo grupo O Semeador...

 

Ergutío son:
Felicidad Fariñas
Dolores Pérez
Vanessa Rodríguez
Maribel Rivero
Isabel Cid