Percorrido de Pilar Vilaboi polas tradicións festeiras do oitavo mes do ano, o mes da malla. Ademais de explicarnos a etiomoloxía dos nomes de santos e santas, tamén nos fala de lendas asociadas ó santoral de cada día, as particularidades das romerías e os refráns e cantigas, demostrando unha vez máis a interconexión en Galicia entre as tradicións cristiás e as pagás, idiosincrasia da relixiosidade popular galega.
En agosto festexamos...
Pilar Vilaboi Freire
Agosto é o oitavo mes do ano no calendario gregoriano. Púxoselle este nome en honor ao emperador romano Octavio Augusto (Octavianus Augustus). Anda tamén polo mes da Nosa Señora e de san Roque, por ser festas moi populares as do 15 e 16 de agosto respectivamente. Tocante á cultura popular, podemos destacar que a lúa crecente de agosto é a mellor para que lle aproveiten os baños a un enfermo e, xa que neste mes se colleita o cereal (trigo ou centeo), tamén se lle chama o mes da malla, pois, como di o refrán: Agosto pasou, quen mallou, mallou. Hai proverbios que refiren a excepcionalidade: Agosto e vendima non son cada día, e si cada ano, us con proveito e outros con dano; outros, ao tempo atmosférico: A chuvia no mes de agosto non é chuvia que é mel e mosto.
...
Tamén o 25 de agosto honramos santa Comba, antigo nome galego procedente do latín columba ‘pomba’, animal sagrado de Venus. Esta ave é o símbolo da paz no Antigo Testamento e do Espírito Santo no Novo. Orixinou o haxiotopónimo Santa Comba, cos seus equivalentes en castelán e catalán, Santa Coloma. Co hipocorístico Colometa é como lle chama con agarimo Quimet á protagonista da Praza do Diamante de Mercè Rodoreda. Santa Comba é unha das santas máis antigas no culto hispánico, desde o século IX, ten un culto ancestral en Galicia. Certa tradición popular conta que a santa fora unha meiga conversa, e por iso o seu culto aparece unido por veces aos outros ex-meigos como San Cibrán e san Silvestre; de aí o refrán: San Silvestre e santa Comba: / si eres meiga salta fóra. Santa Comba de Bértola (Pontevedra) ten sona de ser curadora do meigallo, xunto co seu veciño san Cibrán de Tomeza, e a romaxe debe ser conxunta, en “santo concubinato”: O que vai a santa Comba e non vai a san Cibrán, fai a viaxe en van, di o refrán. A santa Comba de Galicia é a de Sens, do século III: xa desde a época visigótica existe a igrexa limiá de Santa Comba de Bande do século VII, patroa das meigas. É titular de 14 parroquias, aínda que hai sitios que o celebran o 12 de agosto ou o 31 de decembro.
...
E rematamos cuns versos de Manuel Luís Acuña titulado Agosto:
[...]Castela regateira, merca suor e callos.
Hala! Hala pra Galiza, que hai brétemas e orballos
e festa nos regatos e prata nos outeiros.
Por sangue novo e rexo Castela dá diñeiros.
O meu agradecemento a Pepe Barro @BarroDesign por facilitarnos as fotos da máquina de mallar formada polo acrónimo CAM(polongo)PE(rez)VA(rela). Tamén a @pepinsalgado polas fotos de Santa Comba e San Bartolomeu.