Raigame
Raigame
Raigame

Cartel XVII Romaria Raigame

Nalgúns casos son fotografías custodiadas por museos como o Etnolóxico, en Ribadavia, o museo de Pontevedra, ou o Museo do Pobo Galego en Santiago que as restauran, conservan e dan a coñecer en exposicións e publicacións, ofrecendo así un servizo público como memoria da nosa historia. Noutros casos son fotografías de coleccións privadas, moitas delas gardadas en caixas de zapatos, que non saen á luz até que concellos, asociacións ou museos, deciden organizar exposicións de fotografías antigas da comarca.
A exposición, que se puido ver en Vilanova dos Infantes: "A etnografía e os fotógrafos" mostra o traballo de máis de vinte fotógrafos, que hoxe son documentos imperdibles para a antropoloxía social e cultural, así como para a socioloxía e a etnografía. Nesta exposición que comeza no Museo Etnolóxico o seu camiño por distintos espazos expositivos e educativos, poderemos coñecer dende os pioneiros da fotografía como Zagala, Reboredo ou o Estudio Pacheco de Ourense, polo que pasaron numerosos fotógrafos nos seus inicios, até chegar a outros máis recentes como o ourensán Rizo, Estalote de Santiago ou o Estudio Chao de Ribadavia.
Tamén se lembra a outros que fixeron o seu traballo con claras intencións de investigación como a estadounidense Ruth Matilda Anderson, o noso “Xocas”, Xaquín Lorenzo Fernández, ou o antropólogo e folclorista danés Gustav Henningsen, que recorreron a nosa terra en diferentes épocas. E faise unha relación de fotógrafos ambulantes que non acadaron a sona doutros, que traballaron na súas comarcas retratando acontecementos diversos: vodas, bautizos, comuñóns, e sobre odo retratos familiares e fotografías para carnets e pasaportes, pero non por iso menos importantes que os outros. Tal é o caso de Xosé Collazos, o “Retratista de Matamá”, de Laza, Salvador López Requejo, de Maceda, ou Manuel Garrido de Parderrubias, A Merca.. Os paneis que forman a exposición achegan datos biográficos dos autores, acompañados dalgunhas fotografías representativas do seu traballo.
No Xornal Raigame 2018, que se pode consultar e descargar en internet AQUÍ pódense ler artigos ao redor da etnografía e a fotografía, da antropoloxía visual, sobre as coleccións fotográficas do Museo Etnolóxico a súa conservación e difusión escrito polo director do Museo Etnolóxico, César Llana, sobre o fondo arquivo gráfico de Xaquín Lorenzo do Museo do Pobo, saber algo máis de José Gil e o cinema da emigración.
Desde hai anos o Museo Etnolóxico ten unha relación de colaboración mutua co Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo e coa Romaría Raigame, feito que se visibilizou coa xestión do Cine Carlos Velo que o Museo leva a cabo no día da Romaría Raigame desde o ano 2017. Esta cooperación e o traballo do Museo Etnolóxico no campo da antropoloxía visual axudou a que a organización da Romaría outorgase o premio honorífico “Adolfo Enríquez” ao Museo Etnolóxico, o que agradecemos no seu momento e volvemos facer desde aquí.