Do
21 de Xullo do 2015
al
21 de Setembro do 2015
Foto: Pedro A. López Suárez
Foto: Pedro A. López Suárez
Foto: Pedro A. López Suárez
Foto: Pedro A. López Suárez
Foto: Pedro A. López Suárez
Foto: Pedro A. López Suárez
Foto: Pedro A. López Suárez
Pedro Alejandro López Suárez: A súa afección á fotografía iníciase ao tempo que remata os estudos e comenza a traballar nunha institución bancaria. Membro da Sociedade Fotográfica da Coruña, o ano 1963, con dezaoito anos, acada o 1º e o 3º premio no Salón de Noveles de dita Sociedade, dando inicio a un elenco de galardóns entre os que destacamos os obtidos no II Salón Rexional Circulante, Foto do Mes da Sociedade Fotográfica da Coruña, Salón de Primaveira do Banco Hispano Americano e a Real Sociedad Fotográfica de Madrid, I Salón Ibérico e III Nacional da Agrupación Fotográfica de Compostela, III Concurso de Diapositivas Concello da Coruña, VII Concurso de Diapositivas Concello da Coruña...
A espontaneidade da súas fotografías de rúa fan hoxe do seu fondo unha fonte documental para achegarse á sociedade dos anos sesenta a través dunha lectura dende a Historia ou dende a Antropoloxía.
A exposición invítanos a un percorrido que nos fala do espazo urbano en crecemento, grazas á incorporación á cidade da poboación sobrante no agro que se integra paseniñamente na nova coxuntura económica e social. Pedro A. López Suárez achéganos ao «milagre económico español» tralo que se agocha unha sociedade marcada polos desequilibrios sociais e o desarraigo dalgúns dos protagonistas do éxodo rural.
Un mundo vello nun novo escenario
A primeira mirada céntrase precisamente na percepción polo fotógrafo dos «outros» ligados ao agro e presentes na cidade, territorio no que asoman (de fondo) os signos físicos da modernización urbana.
Neste espazo as mudanzas sociais comezan a patentizarse. A soidade da vella préstase a varias interpretacións indicativas do novo significado da vellez propia dun contexto de desarticulación da familia extensa, observable nos retratos familiares deses anos.
Os outros fotografados son dunha clase diferente, mesmo marxinal. O fotógrafo míraos rexistrando as desigualdades sociais, a miseria das clases populares e a dureza para algúns do espazo urbano.
A loita polo futuro
A cidade ofrece tamén posibilidades e oportunidades. As estratexias de supervivencia e de mellora para moitos van canalizando o seu acceso á sociedade de consumo, conformando novas formas de sociabilidade e un futuro ollado con certo optimismo.
Un mundo vello en descomposición
O campesiño aparece como representante xenuíno dunha sociedade que esmorece e a mirada urbana do fotógrafo reflicte con imaxes as contradicións do que acontece: o xogo de cambios e permanencias retratados detrás da cámara.