Seguindo o fío
Seguindo o fío
Seguindo o fío
Seguindo o fío
Seguindo o fío
Seguindo o fío
Seguindo o fío
Seguindo o fío
Seguindo o fío
Seguindo o fío
Seguindo o fío
Seguindo o fío
Seguindo o fío
A exposición Seguindo o Fío realiza un percorrido histórico a través da tradición téxtil en Galicia, considerando a importancia tida no pasado polo cultivo do liño e a incidencia da elaboración de tecidos e lenzos na vida dos grupos domésticos campesiños.
Partimos do século XVIII e chegamos ata hoxe, salientando a importancia da obtención da fibra de liño, do seu fiado e da fabricación de lenzos durante o s. XVIII e boa parte do XIX, para mostrar como incidencias diversas e complexas levaron á práctica desaparición desta industria rural no s. XX. Finalmente, destacamos a emerxencia nos últimos vintecinco anos tradición téxtil en Galicia, agora como transformación industrial para a produción de deseño téxtil e indumentaria. Non esquecemos a utilización do traxe “popular/ tradicional” nos discursos da folklorización e das identidades, que se manifestan, de xeito distinto, durante o século XX.
A través das coleccións do Museo e combinando a documentación e os estudios históricos, etnográficos e económicos, esta montaxe museográfica pretende facer unha síntese dunha evolución, baixo a que flúe unha tradición chea de descontinuidades e mudanzas. A muller aparece como protagonista (e non precisamente privilexiada) dun proceso que aproveita as súas destrezas e saberes, historicamente acumulados, para convertela nunha forza de traballo adaptada necesariamente ás esixencias da produción e a reprodución da familia campesiña, no pasado, e á división técnica e social do traballo dunha economía industrial inscrita no escenario máis amplo dun mercado capitalista globalizado, na actualidade. Entre unha e outra fase, unha tradición de mulleres formadas no dominio das habilidades da costura favorece o enlace entre os períodos preindustriais e a industria contemporánea do vestiario e a moda, na que Galicia mostra a súa modernización produtiva e, tamén, as contradicións sociais nas que se move todo “progreso”.
A exposición orixinaria inauguróuse no ano 2005 pero no 2010 realizouse unha pequena remodelación que é a que hoxe pode verse nas salas.