Tecedeiras. Arte e talento na sombra. Colección Manuel Rodríguez Calviño

Share
Do
2 de Maio do 2022
al
30 de Xuño do 2022

 

 

 

 

Comisario: Manuel Rodríguez Calviño

Colección: Manuel Rodríguez Calviño

Tecedeiras. Arte e talento na sombra

A produción de tecidos en Galicia tivo gran importancia en diferentes momentos da nosa historia. Alcanzando o seu máximo esplendor nos séculos XVII e XVIII, aínda que a produción artesanal e doméstica de tecidos mantívose ata o século XX. A produción de tecidos mantivo o seu carácter doméstico, sendo as mulleres as encargadas de realizar practicamente todo o traballo de transformación das fibras, desde a semente ata a fabricación dos tecidos

Picote, candil, leras, tecido liso, sarga, espiguilla, gurullo, repaso novo, camiño de rosas, levantado, berbesa, felpa cortada, etc., son algunhas das múltiples denominacións que en Galicia reciben os diferentes tipos de tecidos confeccionados e as técnicas empregadas. Daban lugar a teas que se empregaban na confección de roupa (mandís, saias, refaixos, camisas, etc.), pero tamén do enxoval doméstico ou de uso cotiá (alforxas, sacos, sabas, mantas e cobertores).

Debido ao ancho da maior parte dos teares, sabas, mantas e cobertores elaborábanse con dúas ou tres pezas cosidas entre si. Menos frecuentes foron os teares anchos, nos que se confeccionaban mantas e cobertores dunha única peza.

A técnica de tecido empregado determinaba os motivos e a composición decorativa. Co repaso novo e o camiño de rosas tecíanse motivos de cadros, rectángulos, rombos, ou dentes de serra de distintos tamaños. Resultaban máis vistosos so combinar fíos de múltiples cores, pero non permitía crear motivos figuraticos como coa técnica do gurullo ou levantando.

Esta é sen dúbida unha das técnicas máis empregadas, que permite reproducir un número case infinito de motivos e composicións, resultando case imposible atopar dous cobertores iguais.

A técnica de gurullo ou levantado permitiu que as tecedeiras desenvolvesen a súa gran capacidade creativa, que deu lugar a cobertores que son elementos senlleiros da nosa arte popular. Aínda que as composicións decorativas varían, a máis frecuente é a sucesión de bandas de diferentes motivos distribuídas entorno a un campo central rectangular ou cadrado.

Orlas de motivos vexetais ou xeométricos, estrelas, flores, inciais e a data de realización son os elementos máis empregados nas composicións decorativas, pero cunha gran variedade formal e tipolóxica. Asemade, son menos frecuentes os motivos relixiosos, a figura humana frecuentes os motivos relixiosos, a figura humana e a de animais. As tecedeiras dispuñan dun amplo repertorio de motivos, moitos deles copiados de cobertores máis antigos, pero tamén sacados dos folletos e albumes de bordados.