A olería en Galicia: unha mirada a partir dos fondos do Museo Etnolóxico

Share
Do
20 de Marzo do 2017
al
31 de Decembro do 2024

 

Comisario: Víctor Manuel Castro Carballal

Biblioteca: Rosa Lamas Casado

Restauración: María José Ruíz Vázquez

Deseño e montaxe: Alfreso Sellier. Arquitecto

Fotografías: Santi M. Amil

 

A olería en Galicia

A olería galega reviste unha gran complexidade derivada de circunstancias históricas, económicas, sociais e persoais. Esta exposición pretende aproximarse á súa realidade pasada e contemporánea dende a reflexión crítica, abordando temas e esbozando cuestións que, lonxe de estar pechadas, evidencian a súa pervivencia e vixencia na sociedade actual.

O MER posúe un número destacado de pezas alusivas á actividade oleira que conforman un conxunto heteroxéneo en tipos, cronoloxía e procedencia. A presente mostra busca dar a coñecer a colección cerámica do museo, na que figuran exemplos de dez núcleos produtores galegos, así como doutras áreas da península ibérica.

 

Manufactura rural e popular

A olería xorde como resposta ás necesidades cotiás dun pobo. No territorio da actual Galicia está documentada dende o Neolítico, atravesando fases de esplendor e decadencia no mundo antigo e no medievo.

Na Idade Moderna, a mellora das condicións de vida no rural entre os ss. XVI e XVIII impulsou determinadas artesanías. As “aldeas de oleiros” agromaron neste contexto como un complemento das rendas insuficientes do traballo agro-gandeiro, acadando o seu cénit a finais do s. XIX e principios do s. XX. Os produtores e os consumidores destas manufacturas decote eran de clase traballadora. A burguesía e as clases altas preferían a louza foránea, con outras formas e decoración. Só certos núcleos coma Buño ou Niñodaguia lograron penetrar en ambientes urbanos.

No s. XIX os intentos de industrialización do sector atoparon pouco apoio institucional e económico, exceptuando a Real Fábrica de Louza de Sargadelos, un proxecto único e illado, retomado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane na segunda metade do s. XX coa creación do Laboratorio de Formas.

 

Decoración

A decoración aplícase con tres técnicas complementarias –relevo, gravado ou pintura– que reciben diferentes nomes en cada centro produtor.

Os programas decorativos consideráronse tradicionalmente como unha estratexia de mercadotecnia para incrementar o atractivo das pezas e o seu valor de venda. Con todo, as formas e decoración parecen reflectir unha concepción da olería característica de cada enclave, non sempre en consonancia coas directrices do mercado.

 

Simbolismo

A olería non estivo exenta de carga simbólica, aínda que moitas representacións resultan hoxe misteriosas por pertencer a un mundo desaparecido.

As interpretacións que se afastan da antropoloxía e do contexto popular orixinal poden xerar controversia. Por exemplo, a lectura antropomorfa do “xarro” para viño de Gundivós, aínda vixente, está baseada en paralelos foráneos non antropolóxicos. Unha relectura zoomorfa suxire a plasmación esquemática dunha curuxa, que pola súa voz lúgubre e costumes nocturnos se considera pregoeira dun pasamento. O “xarro” entón habería que conectalo coa convivencia permanente do galego coa morte, contrarrestada mediante o consumo de viño nun ambiente comunitario.

 

Crise e repunta

Arredor dos anos 50-60 do s. XX, co desmantelamento do modelo rural, comezaron a desaparecer moitos centros oleiros. As causas foron múltiples: xeográficas, socioculturais, económicas, técnicas e ideolóxicas. Algúns cacharros levaban tamén implícita unha data de caducidade inherente á produción mesma, xa que tiveron utilidade nun momento e lugar puntuais.

Avanzados os 70, albíscanse certas mellorías nas condicións de vida. Esta prosperidade incipiente, xunto coa estreita relación secular de reciprocidade pobo-oleiro, marcou unha repunta da olería. Desencadeouse así un proceso de selección que condicionaría o futuro: modernización ou estancamento.

 

Artesán ou artista?

A perda de funcionalidade dalgunhas tipoloxías de vasilla levou aos oleiros a superar os usos tradicionais para aproximarse á creación artística moderna. Os tipos funcionais clásicos seguen existindo, pero os repertorios amplíanse con modelos utilitarios e con deseños e técnicas innovadoras no contexto galego.

Os novos comportamentos artísticos do último terzo do s. XX estableceron que a arte pode entenderse como a intención mesma de creala; deste xeito, a intencionalidade deste colectivo e, polo tanto, a súa condición artística, resultan incuestionables.

 

Futuro

A idea de posta en valor do patrimonio cultural acadou en Galicia unha énfase especial nos anos 90 do s. XX. O esvaecemento do mundo rural deu pé a numerosas iniciativas de salvagarda e reactivación no campo etnográfico.

Recuperar un núcleo oleiro perdido é unha tarefa complicada e a miúdo infrutuosa. Os que chegaron aos nosos días con máis saúde –Buño e Niñodaguia– adaptáronse aos tempos e acometeron melloras técnicas, crearon asociacións e privilexiaron a visión do colectivo, creando unha “marca” xeográfica por riba dos individualismos. Tamén deseñaron estratexias de comercialización e promoveron unha nova demanda, combinándoa coa tradición e coas preocupacións artísticas. A remuda xeracional e a continuidade parecen garantidas. Outros enclaves, talvez máis reticentes ao cambio ou con menor capacidade de acción, afrontan un futuro incerto.