Miradas etnográficas

Share

O ciclo Cine de outono. Miradas etnográficas ten evolucionado dende o seu enfoque inicial, do visionado de filmes galegos e contando coa presenza do director ou directora, a un formato máis aberto no cal, mantendo o carácter etnográfico ou sociolóxico e atendendo ao documental galego, procúrase a convivencia de filmes galegos con producións foráneas unidos por un tema, provocando a reflexión sobre as similitudes e diferenzas nas respostas de sociedades distintas ante un problema similar. Así, por exemplo reflexionouse sobre as reaccións desencadeadas en Galicia, China e Rusia ante poboacións anegadas pola construción de encoros, fixéronse viaxes excéntricas escapando da simetría e multiplicando os diferentes centros de interese. Coa linguaxe do audiovisual analizouse de que maneiras o pasado está no presente, na edición de 2017 achegámonos o tema das migracións a través da mirada de directoras e directores de países coma Francia, España, Kosovo e Alemaña, etc.

A selección e proxección deste ciclo realízase coa colaboración do Cineclube Padre Feijoo de Ourense.