






Un feito azaroso orixina no comezo do ano 2017 o proxecto do Forno de Cal de Santo Adrán de Cobres, froito da vontade conxunta do Museo Etnolóxico (Ribadavia) e do CPI Toural (Vilaboa) de colaborar nun plan de estudo e recuperación deste ben patrimonial encamiñado á participación da comunidade educativa, ofrecéndolle a posibilidade de explorar dentro e fóra das aulas certas chaves relevantes sobre a construción da identidade colectiva local.
O proxecto enténdese como un proceso temporal continuado na marcha dos cursos académicos, mediante a participación transversal dos diferentes departamentos do CPI, seccións do Museo Etnolóxico, profesionais do patrimonio, institucións e sociedade civil.
Os aspectos metodolóxicos mais salientables son a utilización de diferentes fontes de información: materiais (visitas ao forno, toma de imaxes, audiovisuais), orais (entrevistas ás persoas que traballaron no forno), documentais (bibliografía, mapas, documentación administrativa, imaxes...) e a realización de actividades no centro.
Co traballo realizado estase creando un arquivo documental e audiovisual base dun coleccionable de fichas que medra en cada curso académico. De xeito paralelo, elaboráronse varias lonas coa intención de difundir o proxecto nunha mostra itinerante.