Fondo Sánchez Orriols

Share

A biblioteca que presentamos é obra dun personaxe singular, creador deste impoñente fondo bibliográfico e tecedor dunha trama densa de coleccións temáticas que percorren a historia, a antropoloxía, a filosofía e a literatura. Todo produto dunha inquedanza intelectual e dunha curiosidade manifesta polo saber máis amplo e diverso nos eidos varios da Humanística e a Ciencia Social. A biblioteca de Xesús Sánchez Orriols constitúe un acto programado de xenerosidade, así como un acto continuo de selección minuciosa e teimuda para dotar de coherencia ás diferentes series da mesma. Esta reflicte un labor inxente de acumulación e atesouramento dun patrimonio destinado- témo-la convicción íntima delo- polo seu propietario e autor para uso público e como legado privilexiado da súa maneira de expresa-la memoria e a trascendencia.